Monday 06 de May de 2024

O SNL da Mancomunidade de Ordes convoca un curso preparatorio para os niveis 2 e 3 de Celga


Será de balde e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro. En total impartiranse corenta horas de clase que terán lugar dende o 19 de outubro ao 3 de decembro. A asistencia será completamente de balde

O SNL da Mancomunidade de Ordes vén de facer pública a convocatoria de cara a un novo curso gratuíto de lingua galega, ideado e organizado pola técnica lingüística e que se desenvolverá dende o 19 de outubro ata o 3 de decembro. Esta iniciativa formativa está dirixida fundamentalmente ás persoas interesadas na adquisición das competencias necesarias en lingua galega de cara á preparación das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga). Concretamente traballarase cos contidos englobados nos niveis 2 e 3 ao longo de corenta horas impartidas de 10 a 12 horas os luns, martes e xoves.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro. Para formalizar a inscrición basta con pasar polo departamento correspondente de 10 a 14 horas, situado nas oficinas da Mancomunidade de Ordes, nos baixos da Alameda. Para calquera dúbida poden chamar ao 981 680 002 extensión 120, ou ben mandar un correo electrónico a: irene.bravo@ordes.dicoruna.es.